sexta-feira, 22 de janeiro de 2016

ARAS ROMANAS A BEROBREO (debuxo arqueolóxico)


Por moitos é coñecido, ou ao mellor non por tantos, a existencia
outrora dun enorme santuario indíxena na zona do Morrazo, concremente xunto ao Castro do Monte do Facho (Donón), que é dos máis grandes de Europa. Todas as aras votivas aí localizadas están dedicadas á mesma divindade: Berobreo. Non menos de 174 monumentos votivos foron atopados en distintas épocas, sendo de tipoloxía diversa: algunhas son de medio metro e outras de un metro setenta. Non existe lugar da Península Ibérica no que se teña atopado tanta cantidade de pezas votivas, as mais delas epigrafadas coa seguinte inscrición: "Deus lari Berobreo aram posuit pro salute". E non sen razón hai quen sinala que, cando estiveron ergueitas no cumio do santuario, configuraron un verdadeiro bosque de aras. As primeiras, que se teña constancia, foron descubertas por Enrique Massó Bolívar polo ano 1962 (e que logo sería trasladas ao Museo Quiñones de León - Vigo, entre esa data e 1964), outras por José Suárez Mariño.


Da totalidade de altares, sobre unhas 119 foron atopadas nas campañas levadas a cabo dende o ano 2003, dirixidas por José Suárez Otero, e nas que participaron arqueólogos galegos e o Instituto Arqueolóxico Alemán (Deutsches Archäologisches Institut). Alén do xa citado museo vigués, hai aras que se conservan nas instalacións do Museo de Pontevedra; porén, agardamos que algún día se fagan as infraestruturas necesaria para albergar un verdadeiro museo dedicado a esta enorme descuberta, no que -ademais- poidas entender en amplitude a importancia deste feito arqueolóxico e a transcendencia que supoñen tales achados na historia da arqueoloxía europea.


Aínda que as pezas puideran ser datas no século II d.C., si é certo que o culto a este deus ten que ser moito máis antigo, cando menos ao momento no que se comeza a erguer o castro (aló polo século IV a.C.). E o entorno dese antiquísimo santuario "galego" resulta ser un dos máis marabillosos de Galiza, pois dende o cumio do monte divísase todo o Atlántico e a Costa da Vela (área pertencente á Rede Natura), coas Cíes enfronte.

Velaquí algún debuxo que puiden realizar das mesmas en auga tinta, e sobre lámina 100% algodón.

CRÍTICAS: O filósofo e escritor Ángel Núñez Sobrino acaba de sinalar que "(Alfredo Erias) y Héitor Picallo Fuentes son los mejores dibujantes arqueológicos vivos que posee actualmente Galicia".

(Suplemento de El Correo Gallego - 20 de decembro de 2015, p. 7)

Sem comentários:

Enviar um comentário